Proxecto "Acollida de novas familias" en marcha
Aínda que xa fai tempo que o viñamos facendo, pois xa son unhas cantas familias que acudiron a algún de nós para pedir axuda, buscar información ou simplemente falar con outros pais/nais que os entendan, dende hoxe oficialmente temos en marcha o proxecto de "Acollida de novas familias".
Non é nada novidoso, hai moitas asociacións que o fan e con mellor e maior cobertura. Pero a nosa única intención e que as familias que se atopen neste duro proceso non se atopen sós e desamparados, sabemos por propia experiencia que é un momento moi delicado e doloroso, por iso pensamos que o debiamos facer.
Hoxe a tardiña unha ducia de pais e nais de Por Dereito e unha profesional da UAM de BATA xuntámonos para facer unha posta en común e ver como debiamos afrontar este novo reto.
Queremos pois facer esta entrada para dcilo públicamente e dicirvos que aquí estamos e que dentro das nosas posibilidades botaremos unha man a quen o demande.
En breve entregaremos nos servizos sociais e nos servizos pediátricos da nosa zona un escrito para que os pediatras e asistentas sociais saiban a onde derivar as familias que están cun diagnóstico de TEA recente ou en proceso de diagnóstico e que o precisen ou o demanden, a intención é que ninguén se atope sen resposta á pregunta ¿E AGORA QUE FAGO?
O contido deste escrito é ( elimino en internet os nomes e os teléfonos das persoas que van facer a "acollida") o seguinte:
"A Asociación Por Dereito, somos un grupo de pais, nais e familiares de persoas con un diagnóstico de autismo ou TXD (Trastorno Xeralizado do Desenvolvemento) que vivimos, a gran maioría, na provincia de Pontevedra.
Uns fai mais tempo e outros de forma recente recibimos o diagnóstico dos nosos queridos fillos/as con moita inquedanza e preocupación. Todos percorremos o camiño que agora vós tedes que facer e sabemos o complexo e o duro que isto é. Por iso ofrecémosvos a posibilidade de que contedes con nós como unha voz amiga, uns compañeiros desta viaxe para que todo vos resulte mais levadeiro e fácil.
A nosa intención é axudarvos a entender mellor co que vos enfrontades e que posibilidades e camiños tedes abertos para axudar aos vosos cativos/as e paralelamente a vós mesmos. Non tedes porque ser socios de Por Dereito, non é esta a nosa intención, o que se pretende basicamente con este proxecto é que non vos vexades tan sós e perdidos como no seu día nos vimos nós.
Nun primeiro momento a saturación de información que podedes recibir por distintas canles pódevos confundir aínda mais, sede precavidos e confiade nos profesionais que teñades cerca.
Para que entendades mellor a nosa filosofía temos que dicirvos que os noso principais obxectivos son que os nosos fillos sexan felices e ciudadáns de pleno dereito nesta sociedade. Para iso intentamos sempre que sexan incluídos nas nosas comunidades como un cidadán mais cos recursos e as adaptacións que sexan necesarias.
Se precisas a nosa axuda ou simplemente alguén con quen falar, aquí vos estamos esperando.
Podedes contactar con nós a través do
· Teléfono: 679728094 (chamade a partires das 18.00)
· Correo electrónico: asociacionpordereito@gmail.com"
You can leave a response, or trackback from your own site.
0 Response to "Proxecto "Acollida de novas familias" en marcha"
Publicar un comentario