Encontro TADEGA en Lugo: "Sexualidade e Diversidade Funcional"


Os nosos amigos de Tadega van realizar un interesantísimo encontro en Lugo, reproduzo aquí textualmente o que poñen sobre el na súa web:
"En TADEGa vimos percibindo que a pesares da importancia que se deu nos derradeiros anos da integración das persoas con diversidade funcional en todas as esferas da vida cotiá, aínda segue subsistindo a postura xeral na nosa sociedade de que o mundo da sexualidade é un mundo alleo para estas persoas.


Acerca do sexo existen en xeral moitos tabús, pero se ademais o relacionamos coas persoas con diversidade funcional xorden unha morea de mitos a desmontar.


Obviamente as características particulares de cada persoa condicionan a maneira en que desenvolven unha actividade, e o sexo é unha delas. Pero isto só significa que cada un de nós terá a súa particular forma de gozar e vivir as súas relacións sexuais.


Todos e todas temos dereito a explorar e coñecer o noso corpo, a manter relacións sexuais da maneira que nos resulte máis axeitada, a ter parella se o desexamos, a desfrutar da nosa intimidade e a recibir información se a precisamos.


Todas as persoas temos desexos sexuais porque é algo inherente ao ser humano, independentemente da nosa condición. Cada quen é o que debe decidir onde están os límites e, sobre todo, as alternativas.


As persoas con discapacidade teñen o dereito a vivir unha parte máis do seu desenvolvemento coma persoas, a mesma capacidade de seducir e de ser atractivas, e deberían ter as mesmas posibilidades.


Os dereitos sexuais e reprodutivos das persoas con diversidade funcional non son dereitos especiais. Teñen, si, algunhas especificidades pero son dereitos para todos e todas, tal como é o mundo no que debemos vivir de xeito harmonioso e inclusivo.


Para que este dereito sexa real haberá que innovar metodoloxías, re-conceptualizar, construír novos códigos, apelar aos factores éticos, xurídicos, educativos: ensanchar a mirada fronte ao que pasa no mundo ao que pertencemos.


O selo distintivo de TADEGa é a loita por unha sociedade máis incluínte, e nesta ocasión, queremos contribuír a que se recoñezan e respecten os dereitos das persoas con diversidade funcional coma seres sexuados, para erradicar os estereotipos e garantir o acceso á información e ao exercicio dos seus dereitos sexuais e reprodutivos en completa igualdade co resto de seres humanos, tendo sempre en conta as súas necesidades específicas. Cunha actitude social e profesional libre de prexuízos e de paternalismos, pretendemos nesta Xornada atopar respostas a interrogantes que, quizais, nin sequera chegamos a formularnos, pero sobre todo tentaremos sementar preguntas.


Queremos atopedes nestes encontros as pautas de actuación e os recursos que faciliten que a persoa con diversidade funcional medre en canto persoa sexuada, e proporcionar un espazo para a reflexión ou polo menos, servir de aliciente para seguir buscando.


Agardámosvos, e con ilusión ".
Para mais información: 
http://encontros.tadega.net/

You can leave a response, or trackback from your own site.

0 Response to "Encontro TADEGA en Lugo: "Sexualidade e Diversidade Funcional""

Publicar un comentario

powered by Blogger | WordPress by Newwpthemes