Carta do Director do CEIP A Lomba á prensa
Colexio de Educación Infantil e Primaria “A LOMBA”
Correo electrónico: ceip.alomba@edu.xunta.es
AULA DE APOIO PARA ALUMNADO CON TXD DO CEIP A LOMBA
En virtude dun convenio asinado polo CEIP A Lomba coa asociación BATA, dende o comezo do actual curso escolar 2008-09, ven funcionando no centro unha Aula de Apoio para alumnado con Trastorno Xeneralizado do Desenvolvemento, á que asisten en réxime de escolarización combinada1 un total de seis alumnos do centro.
Superadas as reticencias iniciais, maiormente causadas polo temor e incerteza ante o descoñecido, hoxe o profesorado da Lomba sentímonos lexitimamente orgullosos de dispoñer da Aula de Apoio para alumnado con TXD, e agardamos a consolidación da mesma. Entre os resultados dunha enquisa á comunidade educativa realizada recentemente, sorprendeunos gratamente saber que o aspecto da convivencia no centro mellor valorado polo alumnado é precisamente a existencia desta Aula de Apoio, cunha puntuación media de 6.262.
Na Pedagoxía, pese a tratarse dunha ciencia, non hai verdades absolutas senón unicamente hipóteses máis ou menos fundadas e polo tanto opinables. Actualmente, considérase que a escolarización de alumnado con TXD debe compatibilizar as posibilidades, tanto de atención individualizada como de especialización profesional que ofrecen os centros específicos, coa riqueza de contactos sociais que proporciona o centro ordinario. Unha aula como a existente na Lomba combina ambos beneficios.
Dende a perspectiva pedagóxica, a polémica suscitada pola condición laboral do persoal a cargo da aula carece de sentido, e aínda moito máis para o alumnado da mesma, a quen lle resulta absolutamente indiferente. No caso da Lomba, trátase de dúas profesionais de BATA, extraordinariamente competentes e capaces de educar co afecto requirido, polo que pregamos encarecidamente a quen corresponda a súa continuidade futura no posto.
Vilagarcía de Arousa, 1 de abril de 2009
Asdo.: Francisco Xabier Cernadas Ríos
1 Este alumnado distribúe o seu horario lectivo entre a aula ordinaria de referencia, que lles corresponde por idade, e a Aula de Apoio.
2 Escala: 1 (moi malo), 2 (malo), 3 (regular), 4 (normal), 5 (bo), 6 (moi bo), 7 (excelente).
Quería facervos chegar esta carta que Paco lle entregou aos medios de comunicación o día da rolda de prensa no Concello de Vilagarcía. Loxicamente teño o seu permiso para facela pública
0 Response to "Carta do Director do CEIP A Lomba á prensa"
Publicar un comentario